22/7/14

O Festival Folclórico Internacional trouxo onte a As Pontes sons galegos, sudamericanos, vascos e ata eslovacos

A XXIV Edición do Festival Folclórico Internacional cumpriu coas expectativas do público pontés que onte abarrotou o Pavillón Polideportivo Municipal para desfrutar de toda a maxestuosidade do baile, da música e da diversidade cultural. Seis formacións con máis de 200 bailaríns e músicos tomaron parte nesta cita as culturas galega, chilena, costarricense, vasca e eslovaca. Á Banda de Gaitas da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes correspondeulle abrir o festival. Seguíanlle os organizadores, os integrantes do grupo de danza tradicional Alxibeira de Narón, do Padroado da Cultura do Concello de Narón, cunha mostra do traballo realizado dende hai anos. Dende Chile viña o Ballet Folclórico Tua Marka, que presentou distintos cadros representativos e tradicionais da Illa de Pascua. Un corpo de baile que arrancou, en máis dunha ocasión os aplausos do público presente pola vistosidade das súas coreografías. Tomaba o relevo o Grupo Berangoko Otxandategi Dantza Taldea, procedente de Berango un dos grupos pioneiros do folclore en Euskadi, creado a principios dos anos 40, e cun repertorio que inclúe danzas e música ao son dos instrumentos tradicionais da súa terra. A formación chegada dende Euskadi despediuse do público pontés cantando Sementeira, de Fuxan os Ventos, conseguindo unha grande ovación por parte dos asistentes. Tivemos unha segunda formación de América Latina, os costarricenses Grupo de Proyección Folclórica de Kämuk. O seu espectáculo preséntase como un percorrido polas diferentes rexións do seu territorio, dende os costumes dos sabaneros das zonas gandeiras e agrícolas ata os costumes dos habitantes da costa. Despedíronse os costarricenses bailando no escenario con ponteses e pontesas de todas as idades. E finalmente tiñamos ocasión de disfrutar do espectáculo de baile e canto do Conxunto Folclórico Orgonina, de Eslovaquia. Na actuación de onte interpretaron danzas e cancións das rexións Zemplín e Saris. Tamén a formación eslovaca quixo agradecer a acollida do público pontés interpretando, neste caso, a canción Que Viva España

No hay comentarios: