28/7/14

Herdeiros da Crus, Dakidarría e A Banda da Balbina pechan a Fraga 2014 con tres exitosos concertos

Tras xantar unha saborosa tortilla, unha costela de churrasco ou un ben asado lacón, desfrutar dunha empanada artesana ou dunhas croquetas caseiras e con forzas renovadas, os romeiros e a festa da fraga volveron a encherse de ritmo e é que coa caída da tarde, polos carreiros da fraga de Dona Rita, se puideron sentir e ben forte os tambores da formación valenciana Borumbaia Percusión. Poucos foron os que se resistiron a non botar algún que outro pasiño ao son das súas batukadas e é que algo máis que contaxioso é ese ritmo feroz que animou aos romeiros a retomar a festa, tras xantar en pandilla. Pero aquí non quedaba a música xa que aínda tiñamos por diante unha sesión musical tan diversa como entretida, con música de orquestra, rock, sons tradicionais ou incluso ritmos ska porque, para este venres 25 de xullo, a comisión de festas decidía apostar por un amplo programa de concertos que servisen para pechar a festa da Fraga ata ben entrada a madrugada do día 26. Non houbo cansanzo posible nos romeiros que viviron esas últimas horas da fraga 2014 bailando e desfrutando con sons tan dispares coma os de Herdeiros da Crus, Dakidarría ou A banda da balbina. Precisamente, esta última formación foi a encargada de abrir a sesión de concertos ao son deses temas que tan ben se lles da aos de Silvia Cerneira, con cancións movidas, baseadas na tradición galega e tamén en temas do pobo e do mundo rural. E é que os de Brión non son novos en terras pontesas e novamente souberon como facer bailar aos romeiros da man de pezas coma a Vaca Amarela, Aquilino, Estomballada ou o Fillo do mar. Tras deles os míticos Herdeiros da Crus, con máis de dúas décadas de música e con temas tan populares coma que jallo é ou quero josar. Rock galego do máis potente e que demostrou que, malia estar algúns anos separados, Toñito de Poi, Fran, Jarfuxo e Tuchiño están aínda á cabeza das formacións máis punteiras de todo o país, opinión tamén compartida pola cantidade de romeiros que non se quixeron perder esta volta aos escenarios da formación do Barbanza e na que tamén houbo presenza pontesa e é que o exbatería local Marcos Otero tamén se sumou a este regreso dos Herdeiros. Temas coma Qué jallo É, Corazón de carballo ou Vaiche Boa non faltaron neste regreso dos Herdeiros a terras pontesas, 13 anos despois da súa primeira actuación na fraga de dona rita. Tras tanto son potente tocaba baixar un pouco o ritmo e disto encargábase a orquestra Cinema que volvía subirse ao escenario para animar a noite. Xa entrada a madrugada do sábado, tocaba tamén deixar a un lado as cumbias e merengues para volver aos sons máis ska, rock e reggae coa formación Dakídarría, un grupo que ven de celebrar o seu décimo aniversario e con disco novo: Carreteras, que por suposto non podía faltar na súa primeira visita á Fraga de dona rita. Gabri, SImón, David, Antonio, Juaki, Anxo, Carlos e Ximo trouxeron os seus temas en galego e castelán ata terras pontesas e fixeron bailar ao público presente ao son de Mil berros, Terra, El futuro nunca existió ou o propio Carreteras. E coma fin de festa nada mellor que novamente desfrutar dos pontevedreses Cinema, que no seu terceiro e derradeiro pase da noite foron os encargados de botar o peche a unha maratoniana xornada ateigada de moita festa e para a que xa ponteses e pontesas estamos a facer a nosa particular conta atrás e é que tan só quedan 362 días para que chegue unha nova edición da festa da Fraga.

No hay comentarios: