22/7/14

A Virxe do Carme volvía saír á rúa na fin de semana en dúas multitudinarias procesións

As procesións do Carme volveron xuntar nas rúas do pobo a milleiros de ponteses e pontesas. Foi na noite do sábado, e na mañá do domingo, no marco das tradicionais procesións de baixada e subida, respectivamente. Desta vez sí podemos afirmar que gozamos da intercesión directa da propia Virxe, que evitou que chovera durante a celebración destes actos. As previsións do tempo apuntaban a unha chuvia incesante que, probablemente, paralizarían ambas as dúas procesións, pero, para solpresa de todos o tempo aguantou o paso dámbolos dous desfiles. A procesión encabezabaa a Banda de Gaitas da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes, á que lle seguían as imaxes de Santa María Magdalena e A Virxe do Carme, a patroa das Pontes, flanqueada novamente por unha escuadra de contadores do tercio do Norte de Infantería de Marina de Ferrol. Seguíanlle os párrocos do equipo pastoral de Santa María de As Pontes,José Vega, Javier Santiago e Manuel Ares, acompañados nesta ocasión polos tamén sacerdotes D. Uxío García Amor, e Ramón Antonio López Rodríguez. As autoridades municipais co alcalde Valentín González Formoso ao fronte e a concelleira de Cultura e Presidenta da Comisión de Festas Sara Ramos, xunto cos demais integrantes da Comisión e representantes do tecido asociativo local das Pontes formaban parte tamén da comitiva. Contouse tamén co acompañamento da Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes nun desfile que pechaban ponteses e pontesas de todas as idades que unha vez máis quixeron demostrar a súa devoción e respeto á Virxe do Carme. Xa na Praza do Hospital agardaba a chegada da procesión a Coral Endesa As Pontes para interpretar a Salve Mariñeira, conxuntamente coa Banda de Música Cultural. Neste mesmo emprazamento tamén disfrutábamos da espectacular sesión piromusical que sincroniza fogos de artificio con música clásica, un espectáculo de grande atractivo visual e acústico. A procesión recuperaba o seu paso para chegar á Igrexa de Santa María, pasando antes pola Avenida de Galicia, e a Rúa Real. Xa no templo, o Coro Parroquial interpretaba o himno á Virxe do Carme. Para a Virxe do Carme volveuse confeccionar un ano máis un manto de flores. Algo máis dunha vintena de veciños e veciñas agardaron ao remate da verbena nocturna do sábado, para somerxerse nos traballos de preparación da alfombra floral, deseñada este ano polo artista Gonzalo Alonso, Zaloalo, e que presentou un deseño en combinación co cartel anunciador das Festas do Carme e A Fraga de 2014. Un traballo que este ano se volveu especialmente duro por mor das adversas condicións climáticas. Así, en máis dunha ocasión, a chuvia obrigou aos encargados da confección da alfombra a buscar solucións para evitar que se desfixese. E finalmente este era o resultado que amosaba. Xa o domingo ao mediodía tocaba facer de novo o percorrido da noite, pero á inversa. Trasladar de novo á Virxe do Carme e a Santa María Magdalena á súa Capela. A diferencia de edicións anteriores, neste 2104, o equipo pastoral de Santa María de As Pontes optou por celebrar a misa na Igrexa Parroquial cantada pola Coral Endesa As Pontes, no canto de facela na Praza do Carme, unha vez rematada a procesión. Esta modificación provocou que a procesión saira máis tarde que de costume, eran xa case as dúas da tarde cando se iniciou o desfile, encabezado desta vez pola Banda de Gaitas Alfaia, á que lle seguían o grupo de dez nenos e nenas que na mañá do domingo recibiron a súa primeira comunión. E a escasos metros xa podíamos contemplar de novo as imaxes de Santa María Magdalena e a Virxe do Carme. Pechaban o desfile o equipo pastoral de Santa María de As Pontes, os membros do equipo de goberno, representantes de asociacións, e, unha vez máis, centos de veciños. Xa na Capela do Carme entonouse un Viva á Virxe do Carme que resonou con forza no corazón de ponteses e pontesas. E onte ao mediodía a Praza do Carme acollía a celebración da misa en honra a Santa María Magdalena e de Cofrades, oficiada polos sacerdotes José Vega e Manuel Ares. O bo tempo que se rexistrou na xornada de onte propiciou que a misa se celebrase no exterior, e ao seu remate a imaxe de Santa María Magdalena levouse en procesión ao interior da Capela.

No hay comentarios: