17/1/11

A presentación do primeiro disco de Freixo deixa pequena a Casa Dopeso





O gaiteiro Manuel Castro, máis coñecido coma Freixo, xa conta, dende o pasado sábado cunha nova homenaxe. Desta vez en forma de cd no que se recompilan máis dunha vintena de temas interpretados polo mítico gaiteiro pontés, na compaña de Aurora Maceira no bombo e Hugo López no tamboril.

Este primeiro traballo presentábase, coma non podía ser doutro xeito, entre amigos, nun concerto que non puido rexistrar mellor afluencia de público xa que a casa dopeso quedábase pequena para recibir a familiares, amigos, músicos, políticos e público en xeral que non se quixo perder esta presentación, e de paso, facerse cunha das 500 copias dun traballo discográfico que non só auna o mellor do repertorio musical tradicional da zona senón que tamén rexistrou todo un récord, xa que en tan só dúas horas, o gran artista que é Freixo lograba gravar hai 6 meses.

Como mestres de cerimonias nada mellor que un gran dúo de zanfonas coma Bicarelo, con Alfonso Cheda e María Xosé López que, entre tema e tema, exercían de presentadores e gababan a gran figura de Freixo e sobre todo a súa importante traxectoria profesional, porque non moitos poden fachendear de contar con 92 anos e continuar a tocar a gaita coma se dun raparigo se tratase, periplo musical que quedaba reflectido nun vídeo elaborado pola organización do evento no que non só coñeciamos ao Freixo artista, senón tamén ao veciño que tanto agarimo esperta entre os ponteses.

O valse de Fragachá, a Foliada de Avelino, o pasodobre do Freixo ou a muiñeira de angarias foron algúns dos temas que se pudieron escoitar o sábado na Casa Dopeso, todos eles incluídos neste disco que vía a luz gracias á organización de Manolo Lamas e Bieito Rivas e ao traballo de son de Paco Jarel.

Pero se cadra a maior recompensa para este xa emblemático músico da nosa vila non é o verse nunha portada dun disco, senón o contar novamente, tal e como acontecía hai un par de meses en Santa Icía 2010, co respaldo de toda unha veciñanza que tan só ten verbas de agradecemento a un pontés que, a día de hoxe, continua a dar o seu esforzo por manter o patrimonio musical da nosa terra e que merece todos os recoñecementos posibles do pobo que o viu nacer.

No hay comentarios: