12/1/11

O caricaturista Siro López protagoniza, dende hoxe, unha nova exposición no Mercado Vello de As Pontes



A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro conta co respaldo da Deputación da Coruña e permanecerá en As Pontes ata finais de xaneiro


As Pontes alberga dende hoxe unha nova mostra. Trátase de A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro, unha colección de máis dun cento de viñetas humorísticas que o caricaturista Siro López publicou entre 1985 e 2006 no xornal La Voz de Galicia.
A exposición chegaba a As Pontes da man da Deputación da Coruña que, unha vez máis, busca achegar interesantes coleccións a todos os concellos da provincia.
A edil de Cultura, Eva Conde, foi a encargada de inaugurar esta colección de imaxes en branco e negro e tamén en cor nas que se resume, en clave de humor, dúas décadas da historia da autonomía galega, tanto a nivel político coma social xa que non só podemos atopar imaxes sobre a constitución do primeiro Parlamento galego senón tamén da lexislatura do Bipartito, o goberno de Fraga ou acontecementos coma a crise do Prestige ou das vacas tolas.
Xosé Luis Barreiro Rivas, Manuel Fraga, Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijoo, Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Emilio Pérez Touriño e José María Aznar comparten viñetas con personaxes da cultura coma Julio Iglesias ou do mundo da igrexa coma Bieito XVI ou Xoan Pablo II e que tamén integran unha interesante publicación, respaldada polo goberno provincial, no que ademáis de reproduccións destas viñetas é posible atopar diferentes textos de Xosé Luis Barreiro Rivas, Francisco Vázquez y Vázquez, Ramón Máiz ou Ramón Villares, entre outros.
A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro permanecerá na sala de exposicións do Mercado Vello ata o 29 de xaneiro, podendo ser visitada de martes a venres, en horario de 18.00 a 19.30, ou os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

No hay comentarios: