22/1/11

As AVV Choupana e Veiga da Areosa fanse cos dous premios do III Concurso de Engalanado de Rúas




O Concello repartiu 400 euros entre os gañadores que tamén recibiron unha placa conmemorativa deste premio de decoración de Nadal


O Concello de As Pontes deu hoxe a coñecer os nomes dos dous colectivos veciñais que, gracias ao seu traballo, fixeron chegar o Nadal aos seus respectivos barrios. Foi mediante a entrega de premios do III Concurso de Engalanado de Rúas e Barrios, ideado dende o departamento municipal de Participación Cidadá, e que acreditaba debidamente ás dúas entidades veciñais que máis traballo e esforzo aportaron á hora de engalanar, con motivo do Nadal, os seus respectivos barrios.
O salón de plenos da Casa Consistorial serviu hoxe como escenario para a entrega destes galardóns e que estivo presidida polo edil de Servizos Sociais, José Alén, en substitución da concelleira Montserrat García.
Así as cousas, o concelleiro quixo subliñar o gran traballo desenvolvido pola veciñanza á hora de decorar as súas zonas de residencia, agradecendo a súa importante participación nas actividades desenvolvidas dende o concello en prol da implicación dos veciños tanto do casco urbano coma do rural nas iniciativas ideadas polo goberno municipal.
No tocante aos premiados, o colectivo a Choupana, pertencente ao barrio Pardo Bazán recibía un primeiro premio de 300 euros e unha placa conmemorativa deste certame, en recoñecemento á vistosidade, orixinalidade, traballo e gran extensión ocupada pola súa decoración de Nadal na que non faltaban o portal de Belén, árbores de Nadal e ata un muro no que pendurar os bos desexos dos propios veciños para este 2011.
Pola súa parte a asociación Veiga da Areosa, da Casilla, fíxose cun premio de 100 euros e tamén cunha placa conmemorativa, pola beleza do seu Belén, un traballo que se vai ampliando Nadal tras Nadal, coa incorporación de novas personaxes que incrementan a beleza desta proposta realizada en taboleiros de madeira pintada e que nos que é posible atopar á Virxe María, San Xosé e o Neno, aos Reis Magos, a varios pastores cos seus rabaños e, este ano, ata a Papá Noel no seu trineo.

No hay comentarios: