22/1/11

A Agrupación de Protección Civil de As Pontes remata 2010 con case 4000 horas adicadas ao voluntariado


Os 42 voluntarios deste corpo participaron en máis dunha ducia de cursos e xornadas que supuxeron un total de 1089 horas de formación


O Departamento de Seguridade Cidadá ven de facer públicos os datos das actuacións desenvolvidas, ao longo de 2010, pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes.
O exercizo recentemente concluído deixou un total de 3989 horas de traballo en diferentes actos realizados tanto en As Pontes coma fóra dos límites do concello, polos 42 integrantes deste colectivo.
O mes con maior carga de traballo foi maio con 868 horas de voluntariado, seguido de xaneiro con 498 horas e novembro con 489 horas.*
No tocante aos traballos desenvolvidos ao longo destes doce meses, os voluntarios ponteses tomaron parte en actividades acuáticas (rescates, colaboracións co grupo GEAS da Garda Civil, escolas deportivas, travesías a nado, colocación de boias,...), tarefas de control de concentracións urbanas (festas patronais, actividades deportivas e lúdicas, citas gastronómicas...), en actividades realizadas ao abeiro da celebración do Ano Santo Compostelán (visita de Bieito XVI e acompañamento e control do cento de ponteses que realizaron o Camiño), traballos vencellados aos temporais de xeo e neve dos últimos meses (limpeza de estradas, esparexemento de sal...) e iniciativas de diversa índole, coma o acompañamento aos camiñantes que participaron na Marcha Moura contra o Decreto do Carbón, tanto ata A Coruña coma ata Madrid.
Ao longo do ano que ven de rematar, os membros de Protección Civil tamén participaron en diversos cursos que supuxeron 1089 horas a sumar ás 3989 citadas con anterioridade e que deixa un balanzo total de 5078 horas, entre voluntariado e formación no ano 2010.
Así as cousas, nestes meses, os voluntarios asistiron a cursos de incendios urbanos e forestais, de salvamento acuático ou de busca e rescate en terreos de montaña, clases de primeiros auxilios e excarceración, leccións de cartografía ou de rescate en altura.
Asemade, é preciso lembrar que esta formación é a única dun concello sen praia que forma parte do Plan de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA), asumindo funcións de salvamento e rescate ao contar con dous encoros - aos que proximamente se sumará un lago - e con material axeitado para desenvolver calquera tipo de actuación acuática (dúas embarcacións, equipos de mergullo...).
A agrupación pontesa forma parte deste plan ideado pola Xunta de Galicia dende xuño de 1994 ao que se suma tamén a súa participación nos plans NEGA (Nevaradas en Galicia).

Cronoloxía
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes creouse en 1987, concretamente o 7 de decembro. A súa primeira intervención data do 22 de decembro, con motivo da celebración dun espectáculo para nenos no pavillón polideportivo municipal pontés, no que participaron os sete primeiros integrantes deste colectivo.
Non será ata un ano despois, 1988, cando reciban luz verde os estatutos e regulamento da citada formación que, nun principio, contou cunha vintena de voluntarios e pola que, a día de hoxe xa pasaron 279 veciños e veciñas de As Pontes.
Neste senso, dende o departamento municipal de Seguridade Cidadá queren agradecer a participación, esforzo e colaboración de todos e cada un dos voluntarios que, nestes 24 anos de traballo, formaron ou forman parte desta agrupación, ao considerar que se trata de veciños e veciñas que desenvolven un traballo altruísta, sacrificando as súas horas de esparcemento persoal en prol da seguridade e desfrute dos demáis.
Esta entrega aos demáis foi obxecto de homenaxe, o pasado 23 de decembro, mediante a concesión do I Premio da Lembranza, outorgado polas trece parroquias que integran o concello de As Pontes.

No hay comentarios: