13/1/11

80 RAPACES DE AS PONTES, FERROL E A CORUÑA PARTICIPARON NO PRIMEIRO CAMPUS DE BASKET DE NADAL DE AS PONTES






As Pontes foi sé, a inicios deste ano, do primeiro Campus de Basket de Nadal dirixido a rapaces de entre 12 e 16 anos co fin de combinar non só a aprendizaxe de novas técnicas de xogo, senón tamén da lingua inglesa.

O Concello e os clubes Sant- Yago (A Coruña) e o C.B de Ferrol foron os encargados de poñer en marcha esta iniciativa coa que tamén colaborou o C.B As Pontes e que se desenvolveu entre os días 3 e 10 de xaneiro.

Os pavillóns do I.E.S Castro da Uz, dos colexios Monte Caxado e Magdalena e o pavillón polideportivo municipal albergaron as diferentes clases e adestramentos aos que tamén se sumaron varias charlas técnicas que se desenvolveron nas dependencias do Lar de Endesa.

Óscar de Paula, Xavi García, Félix Bañobre, Susana Rebordosa e Chiqui Barros integraron o corpo técnico responsable de impartir estas clases ao que se sumou tamén o ex xogador norteamericano Willie Ladson co seu programa Basket & English, mediante o que se practicaban novas técnicas e, de paso, se axudaba aos participantes a mellorar o seu inglés.

Un total de 80 rapaces de Ferrol, A Coruña e As Pontes conviviron ao longo de case unha semana e aprenderon tamén a mellorar o seu tiro, a súa defensa e, por suposto, as técnicas de ataque, nunha iniciativa pioneira na contorna e que lograba un gran éxito nesta primeira edición.

No hay comentarios: